O CEBREIRO - TRIACASTELA [CAMIÑO FRANCÉS]
Aínda na provincia de León, o Camiño Francés cruza o río Valcárcel, deixa atrás Ferrerías, ascende pola Faba (última parroquia da diócese de Astorga), chega a Laguna de Castela e sobe o porto de montaña do
Cebreiro (1.300 m de altura).
No alto aparece engastado o poboado do mesmo nome, de tradición protohistórica, adaptado ás duras condicións climáticas da alta montaña. A aldea conforma un relevante conxunto etnográfico que rodea o Santuario de Santa María do Cebreiro (s. IX). No seu interior garda os obxectos litúrxicos e os sagrados restos dun célebre milagre eucarístico (s. XIV), no que as Especies se fixeron carne e sangue visibles.
Dende aquí, por zona de montaña (altitude superior aos 1.000 metros), e a través de dezasete duros quilómetros, chégase ao Hospital da Condesa, onde se lembra o hospital fundado a finais do s. IX por dona Exido. Algo máis adiante atópase a aldea de Padornelo, antano pertencente ao señorío medieval da Igrexa de Santiago, onde se instalou a hospitalaria Orde de San Xoán de Xerusalén para atender e defender aos peregrinos.
Despois de pasar o Alto do Poio (1.337 m) comeza o suave descenso cara a Fonfría, e desde aquí, entre fermosas panorámicas, ata Triacastela.
(Información extraída da páxina oficial do Xacobeo)